OS MOUROS VIVEN BAIXO O CASTRO
O
castro de Vilacaíz é obra de mouros que aínda non hai moito saían ó
exterior; pero, ó veren xente, agachábanse rapidamente debaixo da terra.
Dentro do recinto do castro hai tanto viño que, se algún día chagase a estalar o depósito, asolagaría todo o lugar de Vilacaíz.
Ó
traballar as terras co arado, a xente non pode afondar moito porque as
casas dos mouros están debaixo e tropezan as ferramentas nos tellados.
Por iso algunha vez bérranlles:
-¡Ai hom, cerra o arado; non ares tan fondo que me destellas a casa!
Lendas galegas de tradición oral- González Reboredo
Castro de Borneiro |
A pedra da serpe |
ESCOLA DIABÓLICA
Disque hai unha sucursal da Escola Diabólica
mesmo debaixo da catedral de Santiago
de Compostela.
Esta escola diríxea o Demo Maior
coa axuda doutros demos que se dedican
a instruír demos novos na arte de seren
nubeiros, trasnos e trasgos, meigas
e meigos, bruxos ou bruxas e demais criaturas
demoníacas. Para poder entrar nesta escola hai
que hipotecar a alma co Demo mediante pauto
escrito co sangue do novicio e pluma
de galo negro. Os discípulos entran de dez en
dez e tenñen que pagar o décimo, o que quere
dicir que un dos dez, por sorteo, ten que
quedar no Inferno ao servizo do Demo
para sempre. Os estudos adoitan durar
dous anos e cando os acaban, agás o que
apanda co décimo, mestúranse entre
a xente para excerceren as súas prespectivas
especialidades.
O Demo Maior ten por costume impartir
as clases em figura de man negra e peluda.
Guía ilustrada da Galicia invisible- Antonio Reigosa
A COMPAÑA
Nun camiño de San Martiño de Tabeaio. Carral. A Coruña.
El foi unha vez que un pais e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir sen ser deporcatar, sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa, dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.
Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena, e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos, e daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de poucas forzas, tropezou e caeu de contado, sen folgos sin azos para se valer; o fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampouco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é ben para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un para dentro.
O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa Compaña pasara por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía o seu fillo, mais, como era noite, non o viu; escoitou un pouco, e non oíu cousa: sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga benta e mais o heizope; o pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día; estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo poñerse en pé, e as pernas non lle termaban, ó cabo, mal como puído, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa; o fillo aínda non chegara, e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un difunto.
Ó rapaz atopárono logo os veciños, apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz; o pai a penas tardou tres días en morrer, e o fillo durou pouco máis tempo, mais fen fouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai con defuntos, aínda que quiera, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer, e tampouco quén é o que o fai; non pode virar a cabeza para ver o que leva atrás de si, por eso nunca ninguén dá razón. O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito, é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o poñerlle nas mans a cruz, e o caldeiro coa agua benta e mais o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, é pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de pola noite, perde a cor e vaoi esmorecendo a cada días máis, mirrándose pouco a pouco.
Contos populares da Galiza. Lois Carré Alverellos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario